
"El tiña un libriño pequeno de español-inglés e con iso íase arranxando"
Eu vou en avión con mozas con gran formación e con idiomas que iso é importantísimo.
O meu home non sabía idiomas, ía en tren, tiña que facer cambio de estación no camiño. Canto sufriría no traxecto pois tivo que ser moi difícil. El tiña un libriño pequeno de español-inglés e con iso íase arranxando. Penso que era un home valente pois era moi novo cando morreu, tiña 27 anos. Varios anos antes xa estivera fóra, non lembro se en Alemaña ou Noruega, isto antes de casarnos.
Quero renderlle unha homenaxe a tanto valor e sacrificio cara a súa familia. Grazas.
Galicia é como unha boa nai que por moito que se esforce non ten para dar alimento ós seus fillos.
Fai moitos anos a comezos do século XX xa marcharon moitos galegos para as Américas, entre eles o meu avó paterno que se foi para Cuba con tan só 13 anos. A necesidade obriga a deixar ós teus pais, irmáns, avós, todo, todo, o que querías e vaste porque a fame é máis dura que toda esa dor.
Os irmáns do meu avó tamén se foron sendo nenos para Arxentina e nunca máis volveron. O meu avó nunca me falou de Cuba, el foi e viu varias veces e casou coa miña avoa que era veciña del dende nenos e xa non volveu máis. Era coñecido como Cubano.
O meu pai e os meus irmáns eran pescadores, botaban moito tempo no mar, varios meses. Cando viñan os seus fillos escondíanse porque lle tiñan medo. Canto sufrirían eles ó ver isto. Eles que viñan dun traballo que os obrigaba a estar lonxe tanto tempo.
Galicia é unha terra á que os seus fillos adoran pero teñen que irse. Se agora puideran iríanse case todos, pois neste momento non hai traballo e hai familias que non teñen nada para alimentarse, familias que perderon o seu traballo, a súa casa, os seus aforros, todo. Xa ninguén nos quere, só a algúns mozos con estudos superiores.
Este é un momento terrible, triste, durísimo, porque o peor é que o traballo non aparece por ningún sitio. A historia repítese sempre e sempre se ceba cos mesmos.
Día 12-9-13
Hoxe mandei os formularios de Holanda que me piden varias veces ó ano. Falei con Xela, quedamos en que chegaría a iso das 5.30. Daremos unha volta por Santiago e despois á casa, temos que madrugar. O sábado cedo collemos o avión. As cervicais téñenme martirizada. Espero mellorar un pouco en Rotterdam, pois non terei que facer case nada, só pasear e ver a cidade.
Venres día 13-9-13
Vou en tren de Vigo a Santiago, alí me esperan Xela e Belén. Hai varios anos que non vou a Santiago. Madrugaremos para coller o avión dirección Barcelona. Alí estaremos cinco horas esperando ó que nos leve a Rotterdam. Xa vexo a Xela, imos deixar as cousas no seu piso, e veremos o balbordo das rúas de Santiago cheas de peregrinos e estudantes.
Esta cidade é moi antiga pero parece nova polo dinamismo das súas xentes. Vin tamén o Botafumeiro. Impresiona por moitas veces que o vexas.
Ben, estou cansa, vai moita calor, deiteime á unha e levanteime ás seis, os nervios non me deixan descansar. Sempre é o mesmo, pero isto para unha vez que estea en camiño. Aí acabáronse os nervios.