top of page

Galegos e Galegas nos Países Baixos. Un pouco de historia....

 

En Galicia, a emigración foi e segue sendo un dos trazos demográficos máis sobresaíntes da súa historia contemporánea, debido ó desequilibrio existente entre a poboación e os recursos que, en determinados momentos, creou situacións de superpoboación.

 

Nos primeiros anos da posguerra, o destino máis frecuente dos emigrantes galegos foron os países latinoamericanos, pero a partir da década dos 50, os estados capitalistas do centro e leste de Europa entraron nun período de forte expansión que necesitou, para o seu mantemento, man de obra barata procedente do estranxeiro. Deste xeito, os galegos comezan a partir cara Alemaña, Francia, Holanda, Bélxica, Suíza ou Reino Unido, países que, á súa vez, acababan de pasar un período de recesión debido á Segunda guerra Mundial, non só no ámbito económico senón tamén demográfico, o que facía que a poboación en idade de traballar fose escasa. Esta poboación adoitaba ter mellor formación cultural e profesional que as anteriores, polo que rexeitaban aqueles postos peor remunerados, que foron así cubertos polos inmigrantes do sur de Europa.

 

En Galicia, pola contra, había grandes excedentes de man de obra pouco cualificada, sobre todo no medio rural, así que a partir de 1956, aproveitando as facilidades de asesoramento, xestión de pasaportes e mesmo contratos de traballo das delegacións provinciais do Instituto Español de Emigración, que firmara un convenio con Bélxica primeiro e con Alemaña, Suíza, Holanda e Austria despois, os galegos contemplaron a emigración a estes países como un medio de conseguir un salario que os sacara a eles e ás súas familias da pobreza.

 

Europa tiña ademais outra vantaxes con respecto ós países americanos, xa que as viaxes eran máis curtas e menos caras, o que facía que o contacto coa familia e o fogar fose máis próximo e frecuente.

 

Dentro destes novos destinos, os pobos pesqueiros galegos miraban cara Holanda e, especialmente, Róterdam, como unha fonte de posibilidades. A grandeza do porto facía da cidade un gran centro de operacións marítimas, e alí se dirixiron gran parte dos nosos protagonistas.

 

Como maxistralmente reflexou Castelao no seu "Unha rúa nun porto lonxano", soe haber galegos sempre polo mundo adiante. Os Países Baixos non son unha excepción e foron moitos e moitas os galegos e galegas que coma Avelino Martínez emigraron alí ó longo do século XX en busca de oportunidades.

 

Aquí atoparedes historias de persoas, que viviron ou todavía viven nos Países Baixos, historias presentes e pasadas, e algunhas todavía en construcción. De momento só hai dúas pero irán aparecendo máis, este é un proxecto aberto. Se queres compartir a túa historia ou coñeces a alguén que estea interesado/a en facelo, non dubides en contactar con nós AQUÍ.

Viaxe aos recordos. Unha historia a través do tempo  

© 2023 by MY SITE NAME. Proudly made by Wix.com

bottom of page