top of page

“Alí aprendín moitas cousas da maneira máis dura. Ou o facías ou marchabas"

 

 

Tucho é de Cuntis pero está casado en Rianxo, e dende alí partiu cara Róterdam no ano 1969, aconsellado por un amigo seu que xa levaba unha tempada traballando naquel gran porto. Lémbrase da axuda que prestaban os curas das parroquias, que lles escribían cartas de recomendación ós que aspiraban a conseguir traballo, dirixidas a outros párrocos que estaban en Holanda. De feito, Tucho tiña un tío que era cura, que adoitaba escribirlles letras ós feligreses que emigraban a Róterdam dirixíndose ó Padre Adriano, instalado no Stella Maris.

 

 

 

 

Como a maioría, Tucho fixo a viaxe en tren e hospedouse no Stella Maris, dende onde atopou traballo, coa axuda do Padre Adriano, nun barco petroleiro propiedade do Sha de Persia e tripulado por unha compañía holandesa. Alí estivo traballando nove meses, ata que a compañía substituíu a tripulación por emigrantes chinos, que supoñían unha man de obra máis barata.

 

 

Aínda que de novo sen traballo, Tucho non se desanimou e volveu atopar oco nunha compañía chamada KNSM, que facía o traxecto entre Róterdam e a cidade inglesa de Hull, transportando pasaxeiros e mercancías. Pero tampouco este foi o seu derradeiro destino, e os últimos vinte anos antes de xubilarse pasounos na compañía de cruceiros American Line, coa que navegou por todos os océanos descubrindo un sen fin de lugares, sempre con Róterdam como porto base. Cando fala dos navíos nos que traballaba, a súa expresión segue mostrando a abrumación que sentía ante a enormidade das naves, nas que había mesmo casinos e xogos no interior.

 

 

“Cargabamos tráilers, autobuses e coches, ademais de outras mercancías e pasaxeiros. O día que atracábamos no porto pasabámolo cargando. Facíamos gardas de catro horas, descansabamos e despois outras catro horas, pero sempre había xente cargando. Era tan grande que un tráiler podía dar a volta na bodega. Pasabamos medo, pois os condutores dos vehículos que entraban desde fóra no barco, non vían ben debido ó cambio da claridade exterior á penumbra da bodega. Por iso levabamos todos chalecos reflexantes amarelos, como os que se levan agora nos coches, nós xa os usabamos daquela, pero aínda así, vin como algúns dos meus compañeiros foros atropelados".

 

 

Cóntanos tamén a morriña punzante que sentía ó principio, que se foi suavizando á forza de rutinas e costumes, pero que nunca desapareceu. “Costoume afacerme á comida, porque alí cómese un bocadillo ó mediodía e a comida importante é a cea. Ademais non utilizaban aceite, senón manteiga e margarina, e o estómago tarda en acostumarse. Aínda que teño que recoñecer que os almorzos no barco si que eran bos, tiñamos de todo, desde ovos e patacas ata fabas con salsa. Pero o peor de todo era o idioma. Nós non iamos a academias como fai a xuventude de agora, e ó principio non entendes nada. Despois vas aprendendo, non che queda máis remedio. Eu aprendín un pouco de holandés e de inglés, pero falábao mal, era moi frustrante. Alí aprendín moitas cousas da maneira máis dura. Ou o facías ou marchabas. Por exemplo, cando tiven que levar o temón. Eu nunca tocara un, e tiven que aprender, non só en alta mar, senón en zonas costeiras con moitos obstáculos. Foi difícil, pero ó final aprendes".

 

Tucho lembra que a maioría dos seus compañeiros nos primeiros anos eran case todos españois e, un pouco máis tarde, portugueses, non só peninsulares, senón tamén das colonias como Cabo Verde. Despois comezaron a chegar os italianos e, xa nos seus últimos anos, os filipinos.

 

As tempadas de vacacións pasábaas na súa casa, en Rianxo, coa familia á que tanto quería e á que tan pouco vía. A pesar disto, Tucho recorda aqueles anos con cariño. Foron duros, pero creáronse vínculos humanos firmes e duradeiros, como só se poden conseguir en situación extremas de convivencia. 

Viaxe aos recordos. Unha historia a través do tempo  

© 2023 by MY SITE NAME. Proudly made by Wix.com

bottom of page