
Día 14-9-13
Son as 17.20 da tarde, vou camiño de Rotterdam, chegaremos dentro dunha hora.
Cando cheguemos ó aeroporto xa veremos o transporte que usaremos para chegar ó Hotel. Eu penso que será fácil pois as miñas compañeiras xa levan tódalas direccións.
Mañá empezaremos a traballar sobre o proxecto de Belén e Xela, viaxe aos recordos.
O avión é grande, vai cheo de holandeses. A maioría rubios e bastantes nenos. O sol español parece que lles gusta. Algúns van morenos, que xa é difícil neles.
As miñas compañeiras son amables e moi cariñosas, pregúntanme que tal estou, si me atopo ben, vamos, que estou moi ben coidada.
Luns 16-9-13
Acabamos de entrar no Hotel. Saímos cedo, un pouco camiñando, outro pouco no tranvía.
Fixemos unha visita ó Concello, é un edificio antigo moi bonito, dentro ten unhas vidreiras preciosas, o teito unha obra de arte, moito mármore e figuras do mesmo material.
Tamén fomos ó barrio chino, visitamos tendas de roupa e de comida, vin peixes que nunca vira, unhas navallas enormes que dende logo non eran do Atlántico.
Tamén hai tendas indias de roupa e xoias, xente de tódalas razas e perruquerías exóticas. Cruzar as rúas preocupa bastante, pois está o carril bici, o carril de tráfico, o carril do tranvía con varios carrís... Logo volta a inversa, vamos que non sabes onde ver porque veñen por todos os sitios. Tráfico hai pouco, case todo é bicicleta. Miras unha nai con tres nenos na bici, e con ela catro. O transporte público é carísimo.
Onte fun a misa aquí no ‘Stella Maris’, falamos co cura. Chegou un mozo de Muxía e preguntounos si eramos galegas. Empezamos a falar, contounos que leva catro anos sen traballar, pediu cartos, colleu o coche e veu buscar traballo. Di que non volve a España, que ten que atopar traballo por encima de todo. Todos nos emocionamos, foi un momento triste.
Máis tarde fomos facer turismo, visitamos as casas cúbicas, por fóra e por dentro. Preguntámonos como podían vivir dentro pois parecían que ían caer polas fiestras, pero unha vez dentro, acabas vendo que non. Tamén vimos un mercado de comida internacional e xa comemos alí, polo ó espeto e arroz con salsa picante, picante, nun posto asiático.
O domingo tamén fomos facer unha visita en barco polo porto de Róterdam. Foi moi bonito, empezamos coa explicación dos edificios que bordeaban a ría. A arquitectura é fantástica pero o que non sabía e que logo viña o mellor: o porto de Róterdam, inmenso, cantos contedores. Na miña vida vira tantos, empresas unha detrás da outra, varios quilómetros e todo relacionado co mar. Sentín ganas de dicirlle a xente que non ten traballo que viñeran para aquí, pois daba a sensación de que hai traballo para todos, pero claro iso é todo unha ilusión. Vigo ó lado de Róterdam non é nada en empresas. Isto é polo menos como multiplicado por catro.
Queda mañá martes. Iremos (por ser o penúltimo día) a dar un novo recorrido pola cidade, veremos un mercado e algo máis que se nos ocorra.
Mércores collemos camiño á casa, botaremos todo o día viaxando.
Mércores 18-9-13
Estou preparando a maleta, son as oito da mañá. Baixo a almorzar e logo iremos falar co director do Hotel para que nos explique a historia do ‘Stella Maris’ ó longo destes ano. Estamos almorzando zume, queixo, mel, marmelada, bolos de semente de mapoula, un bo almorzo. Estamos agardando o director. Está baixando pola escaleira. Diríxese a nós, e presentámonos. Atendeunos moi ben, ofreceunos un café que non puidemos tomar porque marchamos xa para o avión.