

“Co que loitei por estar aquí, non podo volver agora”
Tras o peche do bar no que traballaba, no seu Santiago de Compostela natal, David López decidiu marchar a Utrecht coma un ‘reto’, unha forma de probarse a si mesmo se era capaz de saír adiante lonxe da súa familia e amigos. Escolleu os Países Baixos debido a que ten unha boa amiga de alí,“animoume, vin en agosto de visita e volvín en setembro” e tamén polo ‘aberto’ que é o país. Barallou outras opcións, coma o voluntariado europeo ou ser ‘au pair’, pero finalmente decidiuse polo campo no que tiña experiencia previa: o mundo hostaleiro.
En canto chegou a Utrecht comezou a buscar traballo. Foi a un dos bares máis populares da cidade. Despois de revisar o seu currículo, o dono preguntoulle que canto tempo levaba vivindo alí. “Levo en Utrecht uns días”, respondeu el. Os anos de David como camareiro en Galicia non serviron para convencer o dono do local. Estaba a traba do idioma e uns días en Utrecht non servían. Porén, o xefe quedou convencido pola insistencia e o currículo de David, polo menos o suficiente para dicirlle: “Se aprendes holandés, volve por aquí, que te contratamos”, esbozando un leve sorriso do que sabe que está pedindo algo case imposible. Como rematou a historia? Dous anos e medio despois, David volveu polo pub, situado no Oudegracht (canal vello en neerlandés), co diploma que certifica que ten o nivel B2 (intermedio-alto) con el. Agora está contratado no bar, non moi lonxe do seu anterior traballo, noutro dos bares do canal.
“Díxenme a min mesmo, teño que aprender este idioma, e conseguín o B2”. Sentada nunha cadeira alta do bar onde traballa David, pido un té e falo coa nosa amiga común, a mesma que o animou a vir a Holanda mentres el traballa, anda dun lado para outro, sube, baixa…cóntanos o que trouxo para cear e que lle deixou tamén comida para o seu compañeiro de piso. No canal hai uns cantos patos, o barco turístico e vaise facendo de noite en Utrecht. Esta oportunidade chegou como recompensa e despois de varios traballos desagradecidos no mundo da hostalería. Ademais de no bar, David tamén traballa polas mañás limpando un ximnasio. Di que lle gusta que cada traballo ten as súas tarefas ben definidas, “todo está ben regulado, sabes que tes que facer cada día”.
Converso unha tarde, no xardín dunha casa holandesa, con David. Tómase o seu tempo para pensar as respostas ás diferentes preguntas. Asegura que, entre as dificultades de vivir fóra está “construír a túa vida aquí, implica todo: traballo, estudios e construír un círculo social, os amigos non son tan fáciles de atopar, todo o mundo está tan ocupado”. Destaca tamén a dificultade de atopar unha habitación e que está a “barreira do idioma, tes que pensar en como te vas a expresar en cada momento”, mesmo “aprender a comportarte de novo, cambiar cousas que tes preconcibidas”.
Como positivo di que “hai de todo para todo o mundo, todo mesturado. Hai variedade e espazo para todo o mundo. Coñéceste a ti mesmo, o que podes, non podes e o que pensas que podes facer. Aquí hai cousas que ves normais, non te das conta do que supoñen ata que as contas alá e ves a reacción”.
A experiencia tamén lle serviu para ver unha saída á crise e para preguntarse se marchar será “o que acabará facendo todo o mundo”. Cando deixou Galicia, moita xente do seu entorno pensaba que era algo temporal, e que volvería pronto, xa que non sería capaz de saír airoso da aventura. Algúns foron especialmente duros cos seus comentarios. Lembrándose diso recorda unha anécdota, algo que lle dicía unha rapaza italiana que vivía en Santiago: “ti non te preocupes, haberá días que botes de menos a túa casa, outros que non queiras volver, pero cando esteas mal, sal de casa, vai tomar un café e pensa, estou aquí co meu café e fixen máis que moita xente que se quedou e que se riu de min cando me fun e que agora vén a preguntarme que tal”.
Ó final da nosa charla, asegura que pensa que todo “sempre cambia para ben, valoras máis as cousas que tes en casa. Descobres cousas boas de España, e que hai cousas que non se pagan con cartos. Ves cousas malas e boas, se o ves dende fóra, non só dende España e o salón”. Afirma tamén que esta experiencia “reconcilia co pasado emigrante” (o seu pai traballou no estranxeiro boa parte da súa vida, vivindo entre Galicia e Suíza ata pouco despois de nacer David).
“Perdo cousas de España que non vou a recuperar, cousas que pasan das que me entero por periódicos ou por alguén que me conta.” ¿Por exemplo? “Coñecer bebés”, dime, “como o fillo duns moi bos amigos que naceu hai pouco”. Agora, é cando pregunto “se tiveras traballo en Galicia, volverías?”. “Non creo, isto é un pouco máis aditivo e co que loitei por estar aquí, non podo volver agora.”