top of page

A historia de Avelino

En Aldán, Avelino era pescador, como eran a maioría dos homes do lugar. Cando casou con Mercedes, decidiron facer unha casa na que poder vivir xuntos e formar unha familia, pero o problema da nova parella era o mesmo que o que teñen as parellas de hoxe, os cartos. A idea de marchar a traballar a Rotterdam xurdiu de maneira natural, xa que o seu irmán xa levaba un tempo embarcado alá e animouno a dar o paso, pois cobraría moito máis e podería pagar a hipoteca folgadamente. Así que marchou.

 

No Stella Maris axudárono a atopar traballo, e foi contratado na compañía Broere e embarcado en grandes navíos cargueiros nos que viaxaba por todo o mundo. Así foi como coñeceu ó que se convertería no seu mellor amigo, un rapaz de Cabo Verde, novo coma el. Co seu irmán só se vía de cando en vez, sempre de maneira imprevista, xa que as comunicacións na época non eran tan doadas. Podíanse atopar, como ten acontecido, na cafetería do Stella Maris, coincidindo que ambos estaban no porto de Rotterdam, base de todas as viaxes.

 

Pero Avelino falaba con Mercedes, escribíalle longas cartas e, cando podía, chamaba ó teléfono da  casa da veciña en Aldán, xa que Mercedes non tiña, para poder escoitar a súa voz. Contáballe o chea de auga que estaba esa terra, o plana que era, como non había montañas nin outeiros, a grandeza do porto. Faláballe do seu amigo de Cabo Verde, do seu irmán, dos amigos que ía facendo nas travesías, ós que estaba unido por un forte vínculo aínda que a moitos os separase a barreira do idioma. Consolábaa na distancia con plans futuros, nos que el estaba na casa con ela e cos nenos, máis confortablemente acomodados grazas ó sacrificio de separarse.

 

Pero un día houbo un accidente no porto. Avelino despediuse deste mundo coa palabra “fogar” na gorxa.

 

Viaxe aos recordos. Unha historia a través do tempo  

© 2023 by MY SITE NAME. Proudly made by Wix.com

bottom of page